Celso Emilio Ferreiro na súa chegada a Venezuela no barco Santa María en xuño de 1966. Fotografía: Fundación Celso Emilio Ferreiro.
26.11.2021. Celso Emilio Ferreiro exiliouse con 54 anos. Embarcou o 22 de maio de 1966 con destino a Venezuela dende o porto de Vigo. Á altura das illas Cíes, contemplou a última imaxe da cidade que o acollera dende 1950 e na que exerceu como. Un tempo no que, coa publicación de Longa noite de pedra, converteuse nun dos poetas de referencia na historia da literatura galega.
O barco no que realizou a viaxe foi o Santa María, un transatlántico da Companhía de Navegaçao Colonial polo que pasou boa parte da emigración galega con destino a América. Aquel barco portugués aparecera na primeira páxina dos xornais o 22 de xaneiro de 1961 polo secuestro que padeceu e que formaba parte dunha operación política dirixida pola denominada Dirección Revolucionaria de Liberación Ibérica (DRIL) e enmarcada na loita contra as ditaduras de Oliveira. Salazar, en Portugal, e de Franco, en España.
En plena travesía, o autor galego escribiu o 5 de xuño de 1966 un poema no papel da naviera no que se despedía de Galicia:
“Dígoche adiós dende o barco
que a lonxanas terras vai.
Dígoche adiós dende as Cíes
que están preñadas de mar”.
Antes da saída, o poeta de Celanova fora homenaxeado, xunto á súa muller, Moraima, o domingo 15 de maio de 1966 nunha gran cea, organizada por Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín e Luis Soto, no Hotel Roma de Ourense, á que asistiron máis de 250 comensais, ademais de recibir 1.250 adhesións de persoas que non puideron acudir. Participaron, entre outros, Emilio Álvarez Blázquez, Eduardo Blanco Amor ou Ramón Otero Pedrayo.
Celso Emilio Ferreiro regresou en 1973 do seu exilio en Caracas. Chegou en barco ao mesmo punto do que partira, o porto de Vigo, coa súa muller, Moraima, e o seu fillo Javier. Volveu a contemplar a imaxe da cidade na que morreu o 31 de agosto de 1979.