Neste momento estás a ver Os xulgados de Vigo só recuperan un 47% da actividade perdida nas folgas

Os xulgados de Vigo só recuperan un 47% da actividade perdida nas folgas

O número de notificacións diarias rexistradas polos procuradores nos xulgados de Vigo nos meses de abril e maio recuperouse un 46,8% tras a finalización da folga dos Letrados de Administración de Xustiza (LAJ). Logo de chegar a paralizar ata 1.000 notificacións diarias en febreiro, a consecuencia da folga foi una redución da actividade xudicial de Vigo nun 38% en febreiro e nun 29% en marzo. En abril e maio, antes das novas folgas convocadas por outros funcionarios xudiciais, a recuperación da actividade perdida só foi dun 8% en abril e dun 2,4% ata o 8 de maio.

En cifras absolutas, os xulgados do partido xudicial de Vigo (Vigo, Ponteareas, O Porriño, Redondela e Tui) rexistraron unha caída da actividade de 36.598 notificacións, un 17,4% menos que no mesmo período (xaneiro a maio) de 2022.

Os procuradores vigueses observan con preocupación o aumento do atasco nos xulgados e os graves danos que as diferentes paralizacións xudiciais causan nos cidadáns. “A Xustiza non precisa de parches, senón de cambios importantes. E especialmente a Xustiza en Vigo, que segue a padecer a rémora de non ser capital xudicial. Se cada parche ou conflito laboral lles custa tempo, diñeiro e outros problemas aos cidadáns, teremos que buscar outras solucións. Nós, os procuradores galegos, reiteramos a nosa oferta a mediar neste tipo de conflitos”, explica José Antonio Fandiño, decano do Colexio de Procuradores de Vigo.

O último dato oficial do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) cifra a conxestión en Vigo en 27.852 asuntos en trámite ao final do 2022. A pesar do aumento do atasco xudicial, a evolución foi aínda peor noutros partidos xudiciais galegos (especialmente en Ferrol, A Coruña e Lugo), o que sitúa os xulgados de Vigo lixeiramente por debaixo da media galega por vez primeira en moitos anos (en media de casos pendentes por órgano xudicial).

“Os datos amosan que o atasco xudicial en Vigo, que xa é estrutural, faise máis grave polo impacto das protestas. Mais tamén demostran que o labor dos procuradores é clave para lograr reducir esa conxestión. O dereito da cidadanía á Xustiza debe prevalecer por riba de calquera outra cousa, e por iso tendemos a man para contribuír a axilizar todos os trámites que estean na nosa man”, sinalou o decano do Colexio de Procuradores de Vigo.

Segundo os datos do Informe da Xustiza 2023 que está a elaborar o Consello Galego dos Procuradores, o crecemento do atasco xudicial na cidade de Vigo dende 2017 xa se sitúa por debaixo da media galega: o número de asuntos en trámite medrou un 26,1%, 0,3 puntos por debaixo do conxunto de Galicia.

Vigo tamén mellora dous postos no ránking de atasco xudicial entre as 28 maiores cidades de España. Nas urbes de 200.000 a 800.000 habitantes, Vigo mellora do 8º lugar ao 10º en cifras absolutas de casos xudiciais pendentes. En crecemento de casos atascados dende 2017, Vigo figura entre as cidades onde menos medrou o atasco, un 33,5%, lonxe do incremento en L’Hospitalet de Llobregat (+135,6%), Sabadell (+89,2%) ou A Coruña (+57,1%).