Neste momento estás a ver Procuradores e RAE colaboran para facer a xustiza máis comprensible

Procuradores e RAE colaboran para facer a xustiza máis comprensible

  • Categoría da entrada:Novas

26.05.2025. O Colexio de Procuradores de Vigo vén de adherirse na Red Panhispánica de Lenguaje Claro y Accesible da Real Academia Española (RAE), que persegue o compromiso das institucións e as autoridades co fomento deste tipo de linguaxe como fundamento dos valores democráticos e da cidadanía.

Algúns dos compromisos asumidos polo Colexio de Procuradores con esta adhesión son o traballo común para promover a linguaxe clara e accesible, o emprego desta linguaxe nos documentos e iniciativas propios ou designar unha persoa delegada de linguaxe clara e accesible.

O director da RAE, Santiago Muñoz Machado, acolleu a libre petición do Colexio de Procuradores de Vigo de sumarse a esta iniciativa, e agradeceu o apoio nunha carta remitida ao decano, José Antonio Fandiño.

O Colexio de Procuradores pretende achegar a lexislación e a linguaxe xudicial á cidadanía de Vigo coa máxima claridade e facilidade de comprensión, na defensa do seu dereito fundamental a comprender as leis e as normativas que regulan a convivencia social.

“As procuradoras e procuradores de Vigo acompañamos e orientamos as persoas nos xulgados, e estamos encantados de formar parte da Red Panhispánica de Lenguaje Claro y Accesible para contribuír, aínda máis, a facerlles a Xustiza máis sinxela”, explica Fandiño.

O decano dos procuradores de Vigo considera esencial que a linguaxe xudicial sexa comprensible para todos os cidadáns. “Somos conscientes de que a linguaxe empregada no eido xudicial tende a ser moi técnica e complexa. A cidadanía ten dereito a entender a Xustiza e co acordo coa RAE comprometémonos a intentalo”, sinala José Antonio Fandiño.

Forman parte da Red Panhispánica de Lenguaje Claro y Accesible 200 institucións, colexios profesionais, facultades e outros organismos españois, mais tamén outras tantas entidades do eido internacional europeo, latinoamericano e estadounidense.

O Colexio de Procuradores de Vigo conta con 127 profesionais colexiados que operan nos xulgados do Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui e Vigo. A maioría das persoas colexiadas son mulleres, sendo a procura unha das profesións máis feminizadas da Xustiza na área xudicial.