Neste momento estás a ver Tamara Lago: “Son procuradora porque me encanta selo”

Tamara Lago: “Son procuradora porque me encanta selo”

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Novas

18.11.2026. Con apenas uns meses de exercicio como procuradora, a Tamara Lago (Vigo) nótaselle de lonxe a vocación. É a colexiada máis recente do Colexio da Procura de Vigo e a profesión, que sempre lle chamou a atención, gústalle máis cada día, ao tempo que avoga por unha procura máis valorada e con máis competencias. “Eu non son procuradora porque non puiden ser outra cousa, son procuradora porque quero. Non é porque non aprobara unha oposición ou porque teña medo de falar en público, son procuradora porque me encanta selo”, sinala a profesional.

Por que decidiches ser procuradora?

Sempre quixen ser procuradora. Cando estaba na facultade chamoume a atención porque me gustaba moito o dereito procesual. Naquel momento, por circunstancias, non exercín como tal e acabei nun despacho facendo, curiosamente, tarefas parecidas ás dunha procuradora. Despois xurdiu a oportunidade de facer o mestrado de acceso á avogacía e á procura, que agora é conxunto, e cando rematei –en xuño deste mesmo ano– aínda o tiven máis claro. Logo, nas prácticas, máis: coñecín a Jorge Suárez Garayo, que foi o meu titor, viu que quería ser procuradora e ofreceume ir con el ao despacho. Levo exercendo como procuradora dende setembro e aínda me gusta máis.

Despois destes dous meses, como valoras a profesión?

A profesión encántame. Gustábame sobre o papel, gustáronme as prácticas, pero exercela aínda máis. Paréceme preciosa, ten un matiz moi próximo e persoal coa xente porque, ao final, representas o cliente. Ademais, os meus compañeiros son estupendos, e non o digo por facerlles a pelota, é a verdade. Todos me acolleron superbén e no Colexio ves claramente o compañeirismo, axúdanse entre eles, apóianse e cada un dá o mellor de si, esfórzanse, preocúpanse. Creo que é algo moi chamativo da profesión.

Que é o que máis che chamou a atención da procura?

Dúas cousas: a cantidade de expedientes que move cada procurador, a cantidade de datas, prazos e responsabilidades que levan enriba e a brillante capacidade que teñen para sacalos adiante; e o compañeirismo e o ben que tratan os profesionais aos clientes, mesmo en situacións duras e complicadas. Na facultade e no mestrado aprendemos moita teoría, pero non che ensinan a parte máis humana da procura. Os clientes, en xeral, non teñen coñecementos xurídicos, e o procurador explícalles todo moi ben. Esta profesión non é poñer unha toga e estudar leis, vai moito máis alá.

Dirías que a procura é máis necesaria para a sociedade do que xeralmente se pode pensar?

Si, moitísimo máis, e para todo. Ás veces vennos na sala e, como estamos sentados e non falamos, pensan que non facemos nada. Só levei un par de casos ata o día de hoxe na quenda de oficio, pero vexo que o avogado traballa moi da man comigo. Aínda que el faga un escrito, unha oposición, vaime preguntando cousas, pídeme opinión… Hai xente que pensa que a avogacía vai por un lado e a procura por outro, pero non é así, somos un todo.

Que cres que necesita a profesión para mellorar?

Creo que, como todo, máis cartos para a institución pública. Todo o que sexa incrementar os recursos para o xulgado e o funcionariado. E a execución: deberiamos poder consultar unha pescuda patrimonial. Aínda que hai xente que quizais pensa que xa temos moitas responsabilidades, que a procura puidese acceder ao punto neutro xudicial sería algo moi positivo.

Cres, polo tanto, que deberiades ter máis competencias como procuradores e procuradoras?

Si, sobre todo porque, ao final, nós estudamos Dereito e facemos o mestrado, igual que a avogacía, e temos esa capacidade. Creo que os procuradores deberiamos ter máis peso e estar mellor valorados. Eu non son procuradora porque non puiden ser outra cousa, son procuradora porque quero ser procuradora. Non é porque non aprobara unha oposición ou porque teña medo de falar en público, son procuradora porque me encanta selo, gústame a procura.

Opinas que esta profesión ten futuro?

Si, creo que si. Non concibo o mundo xurídico sen a procura, non o entendo sen ela. Non sería capaz de pensar en levar un asunto sen un procurador. Iso que din de que vai desaparecer paréceme totalmente imposible.

 

Foto: Punto GA-M.Riopa.