Neste momento estás a ver Vigo convírtese na urbe máis litigante de España tras a Covid-19

Vigo convírtese na urbe máis litigante de España tras a Covid-19

  • Categoría da entrada:Novas

21 decembro 2020. Vigo convírtese na cidade máis litigante de España no terceiro trimestre do ano coa entrada de 12.947 casos nos seus xulgados. Así o indica un informe realizado polo Colexio de Procuradores de Vigo que analiza a situación xudicial da urbe en comparación con outras 9 cidades españolas similares. Vigo atópase tamén entre as urbes cun maior atasco xudicial, solo por detrás de Bilbao e Alicante. Os casos sen resolver aumentan no municipio un 15,8% no que vai de ano (xaneiro – setembro 2020) ata os 22.268 asuntos.

Tras o parón provocado pola crise do coronavirus, os xulgados reactívanse aínda que  en niveis por debaixo de 2019. No que vai de ano, os procuradores vigueses xestionaron 77.443 escritos, un 4% menos que no mesmo periodo do ano anterior.

O informe realizado polo Colexio de Procuradores de Vigo pón o foco nos xulgados de cidades entre 250.000 e 350.000 habitantes. A urbe máis litigante de España conta cunha taxa de 4,4 asuntos ingresados por habitante, moi por riba doutras como Alicante, Córdoba, A Coruña ou Bilbao que registran taxas de entre o 3,8 e 2,5.

O atasco en Vigo acada cifras históricas, con 22.268 asuntos sen resolver, un 51,7% máis que en 2017. O ritmo ao que se acumula o atasco vigués, cun aumento do 15,8% nos primeiros nove meses do 2020 supera case 7 puntos a evolución en Galicia, onde crece un 9,1%. O avance dos casos sen resolver entre xaneiro e setembro é do 11,7% en todo o territorio español.

“Somos a cidade con máis xulgados entre as do noso tamaño, resolvemos casos ao mesmo ritmo que o resto de España, pero o atasco non deixa de crecer sen que a chegada de novos xulgados ou medidas que o palien. Debemos introducir novas fórmulas no sistema xudicial para axilizar o seu funcionamento de forma real” explica José Antonio Fandiño, decano do Colexio de Procuradores de Vigo.

O Colexio de Procuradores de Vigo, seguindo a iniciativa desenvolta polo Consello de Procuradores de España, impulsa dende hai dous anos a creación do procurador executivo: un novo operador xurídico que sumaría 9.983 profesionais á administración de Xustiza para acelerala sen custe para o estado. A proposta segue o modelo implantado en Portugal na última década que permitiu reducir xa ao 50% os tempos de resolución de casos.

O procurador executivo sumaría ás funcións actuais dos procuradores a execución de embargos e dilixencias, así como o acceso ao punto neutro de información baixo control xudicial. Para a posta en marcha do novo operador tan só sería necesaria unha modificación lexislativa que otorgue as novas funcións aos procuradores, que xa dispoñen da experiencia e coñecementos para desenvolvelas.

A iniciativa xa foi trasladada polo colectivo aos representes da provincia de Pontevedra no Congreso dos Deputados e foi aprobada en comisión parlamentaria como proposición non de lei no Parlamento de Galicia.