Neste momento estás a ver A folga de LAJ reduciu en Vigo un 33% as notificacións nos xulgados

A folga de LAJ reduciu en Vigo un 33% as notificacións nos xulgados

  • Categoría da entrada:Novas

O número de notificacións que entraron nos xulgados de Vigo durante os meses de febreiro e marzo, coincidindo coa folga de Letrados de Administración de Xustiza (LAJ), reduciuse un 33,3% en comparación co mesmo período do ano pasado. A media de notificacións diarias durante os dous meses foi de 1.767, fronte ás 2.648 rexistradas en febreiro e marzo de 2022. A caída foi máis forte en febreiro, cun 37,8% menos de notificacións, mentres que en marzo a diminución foi dun 29%.

Dende a finalización da folga o pasado 28 de marzo ata hoxe, a entrada de notificacións diarias nos xulgados vigueses incrementouse un 3,5% con respecto a abril do ano pasado, un aumento que os profesionais da procura prevén que se agrave de forma significativa tras a nova folga de funcionarios de xustiza que se inicia hoxe.

O Colexio de Procuradores de Vigo advirte que a nova folga vai acentuar o problema e a contribuír ao colapso da xustiza nas salas viguesas se non se toman medidas de forma urxente. Os procuradores reclámanlle á administración autonómica que impulse un sistema escalonado de entrada de notificacións e reiteran a necesidade dun reforzo do seu traballo a través da figura do procurador executivo para tramitar o elevado volume de notificacións que se estima tras a finalización dos paros.

“Vigo é una das cidades galegas con maior atasco xudicial, un problema xa por si mesmo estrutural que as folgas só contribúen a agravar. Os procuradores temos a man aberta para contribuírmos a axilizar a xustiza porque o acceso á xustiza é un dereito fundamental da cidadanía. E a figura do procurador executivo faise máis necesaria ca nunca: en Portugal reduciu o atasco nun 50% en só cinco anos. Por que non introducila aquí?”, sinala o decano dos procuradores vigueses, José Antonio Fandiño.

Os datos máis recentes do Consello Xeral do Poder Xudicial sinalan que Vigo presenta unha media de atasco por xulgado de 582 asuntos en trámite (19.827 asuntos por resolver en total). É tamén a segunda cidade galega cun maior incremento de asuntos sen resolución dende 2017: un 68,3% máis, só por detrás de Ferrol (con +79,7%). En toda Galicia, cunha media de 589 asuntos en trámite, o aumento do atasco no último lustro foi dun 26%.