08.01.2020. José Manuel A. Regueiro, actual delegado de participación cidadá da comisaría de Vigo e Redondela e ex inspector Xefe da unidade de Asistencia á Familia e á Muller, analiza os cambios no tipo de casos de violencia e o perfil da vítima nos últimos anos na cidade de Vigo no marco das xornadas de formación en materia de igualdade e violencia de xénero celebrados polos procuradores e procuradoras. Regueiro foi un dos ponentes das jornadas en materia de xénero celebradas o 21 e 28 de novembro de 2019. “A tendencia é fomentar a violencia psicolóxica a través das redes sociais”, sinala Regueiro.
As redes sociais son unha nova forma de exercer a violencia?
Resposta. O control que exercen os agresores a través das redes sociais cada vez é maior. Antes de facilitar datos personais ou imaxes a calqueira persoa descoñecida a través das redes sociais, pensemos 3, 4 ou 5 veces se o que estamos a mandar nos poder perxudicar, ou pode converterse nun elemento co que poidan exercer esa violencia no futuro.
Como mudou o escenario nestes últimos dez anos?
Moito. Hoxe en día chégannos denuncias de nenos de 8, 9 ou 10 anos que teñen acceso ás redes sociais sen un control paterno. A dificultade que temos á hora de educar ós rapaces e rapazas é precisamente que non son quen de xestionar o exceso de información. Pero non falamos só de menores. Hai moitos adultos dependentes destas tecnoloxías que incorren ou son víctimas de delitos coma sexting, sextorsión, grumming (captación de menores por parte de adultos para manter relacións sexuais) suplantación de identidade, ameazas, ciberacoso… Todos os delitos pódense levar a cabo a través dunha pantalla.
A xustiza está a adaptarse correctamente a este novo escenario?
O lado positivo é que estas mesmas ferramentas axúdannos a facer investigacións problemáticas, conseguindo resolver moitos casos abertos. A tecnoloxía sempre vai por diante, temos que ser realistas. Existe unha brigada de delitos tecnolóxicos pero non temos os recursos humanos que deberíamos, aínda que traballamos diariamente para mellorar a situación. En Vigo contamos xa co IZ, un coche policial equipado coa tecnoloxía máis avanzada a nivel mundial, e pode detectar calquera delito en tempo real.
En qué podería mellorar o proceso xudicial actual dende a perspectiva asistencial?
Temos que traballar para que sexa un proceso integral. Os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado non podemos actuar independentemente da institución xurídica e da administración pública. Cando detectamos un caso de violencia de xénero o xulgado, os traballadores e traballadoras sociais e os gabinetes psicolóxicos xa están informados inmediatamente. A coordinación e cooperación de todas as institucións é fundamental para que as vítimas se atopen o mellor posible dentro da súa situación.
Que obxectivos queredes conseguir en 2020?
Un dos obxectivos da Dirección Xeral de Policía é facilitar máis medios as Unidades de Asistencia á Familia e á Muller (UFAM) e así minimizar os riscos das vítimas.
Estas xornadas están dirixidas aos procuradores, onde se integran eles?
Cantos máis axentes do proceso xudicial reciban formación neste ámbito da violencia de xénero, máis repercusión positiva en todo o sistema. Existen tres piares importantísimos: información, formación e respeto cara o traballo dos demáis axentes que interveñen neste proceso.
Podería realizar unha radiografía da vítima de violencia de xénero na cidade de Vigo?
É complicado, porque existen vítimas en todos os ámbitos sociais. As persoas máis sensibles a padecer esta situación de violencia son as clases sociais máis desprotexidas social e económicamente, polo menos son as que precisan máis axuda da Administración.
Hai cambios no tipo de casos dende que a tecnoloxía irrumpiu nas nosas vidas?
En canto ao tipo de casos, a tendencia é fomentar a violencia psicolóxica a través das redes sociais. Nótase un aumento no perfil de vítimas de entre 17 e 20 anos, cando hai unha década estadísticamente a maioría de casos correspondía a un perfil de mulleres de entre 25 e 40 anos. Por todo isto, existe un plan director nos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado con acción nos colexios para concienciar a menores e pais sobre o acceso sen control ás redes sociais, fonte principal dos casos de violencia de xénero na actualidade. Nós, os policías, somos parte da solución, pero a única forma de erradicar esta lacra social é mediante a concienciación da sociedade no seu conxunto.