13.02.2025. Ana Fernández (Lugo, 1981) é unha das profesionais máis novas do Colexio de Procuradores de Vigo, pero xa suma máis de 10 anos de exercicio. Filla de funcionario de Xustiza, chegou á profesión “un pouco por casualidade”, despois de instalarse na cidade para traballar nunha xestoría. Defende a divulgación da profesión e a pedagoxía para que a sociedade coñeza o labor dunha procuradora. “Unha vez, ao pasarlle a minuta a unha clienta preguntoume: ‘E ti que fixeches?’. Neses casos explícolles que son eu quen o presenta todo, quen os representa no proceso, quen acode ao xuízo para evitarlles que vaian e quen lle envía todas as notificacións ao avogado. E aí enténdeno”, explica Fernández.
Como acabaches sendo procuradora en Vigo?
Meu pai era funcionario de Xustiza e sempre estivera interesada neste mundo. Estudei Dereito e, aínda que me gustaba moito o tema penal, o exercicio profesional veume un pouco por casualidade. Estaba en Lugo, ofrecéronme traballo en Vigo nunha xestoría e non o pensei porque quería poñerme a traballar e o meu marido estaba aquí. Uns anos despois naceu o meu primeiro fillo, eu estaba no paro e a tía dunha amiga animoume a colexiarme. Colexieime no 2014 e empecei na procura pouco a pouco. De feito, creo que fun das últimas que se colexiaron antes do exame de acceso que hai que facer agora.
Que é o que máis destacarías da profesión?
Valóroa positivamente porque me gusta estar activa e é unha profesión moi dinámica. Estou contenta, o trato cos compañeiros é moi bo e, malia que cada vez imos menos aos xulgados, encántame cando coincidimos, hai moito compañeirismo. Outra cousa que me gusta é que me permite organizarme máis facilmente cos nenos: non ter uns horarios fixos é máis levadeiro á hora de poder xestionar as súas actividades e as súas rutinas diarias.
Como valoras a entrada da nova Lei de Eficiencia, que vos asigna máis competencias, con funcións de execución?
En liñas xerais, valóroo positivamente porque representa un progreso, aínda que a implementación práctica vai ser clave para garantir que eses cambios cheguen a bo puerto e que compatibilicemos as nosas funcións cos Letrados de Administración de Xustiza (LAX). Paréceme un paso significativo cara á modernización e actualización dos procuradores porque integra as novas tecnoloxías: vexo fundamental a dixitalización do sistema xudicial para mellorar a xestión. Temos o acceso máis rápido, axilízanse os procedimentos, hai maior accesibilidade e transparencia, menos risco na perda de documentos… Aínda que a dependencia tecnolóxica non é algo bo sempre, porque quita de ir ao xulgado e porque ten marxe de mellora, como cando resulta difícil acceder a Lexnet ou non funciona algunha ligazón.
Pensas que as procuradoras e os procuradores mereceríades ter máis funcións?
Penso que sempre é positivo que nos dean algo máis, e, aínda que a execución non sexa o que máis me gusta, hai que actualizarse e evolucionar cando é necesario. Hai tempo que se escoita que imos ter máis funcións, pero, ata agora, nunca se nos deran como tal.
Opinas que sodes suficientemente coñecidos e estades ben valorados na sociedade?
Non, nin somos coñeidos nin estamos ben valorados. A maioría pregúntanos: “Que fai un procurador?”. Unha vez, ao pasarlle a minuta a unha clienta preguntoume: “E ti que fixeches?”. Neses casos explícolles que son eu quen o presenta todo, quen os representa no proceso, quen acode ao xuízo para evitarlles a eles que vaian e quen lle envía todas as notificacións ao avogado. E aí enténdeno.
Na imaxe, a procuradora Ana Fernández na Cidade da Xustiza. Fotografía: Punto GA-M. Riopa.