Neste momento estás a ver As folgas impactaron nun 3,4% no traballo dos procuradores de Vigo

As folgas impactaron nun 3,4% no traballo dos procuradores de Vigo

  • Categoría da entrada:Novas

12.03.2024. As diferentes folgas de funcionarios da Administración de Xustiza reduciron nun 3,4% o traballo e os ingresos dos procuradores de Vigo, cunha caída de 3.435 escritos xudiciais elaborados e de 17.794 notificacións realizadas en comparación con 2022.

O balance de datos do Colexio de Procuradores de Vigo indica que 2023 foi o ano xudicial con menor actividade dende o peche de xulgados pola pandemia en 2020, aínda que as cifras de 2023 superan os datos pre-covid de 2019.

“As paralizacións nas notificacións derivadas dos paros repercutiron de maneira notable no traballo diario dos procuradores de Vigo, pero o esforzo dos profesionais para suavizar o impacto nas persoas usuarias da Xustiza foi remarcable”, sinala o xerente do Colexio de Procuradores de Vigo, José Marquina.

En concreto, os profesionais da procura da área xudicial de Vigo xestionaron un total de 96.273 escritos en 2023. As notificacións mermaron tamén un 3,4%, ata as 509.946.

O número de notificacións diarias nos xulgados vigueses ao longo de 2023 acadou o seu máximo no mes de setembro, con 2.787, a diferenza de 2022, cando o máximo se acadara en febreiro (2.757 notificacións).

O rexistro mínimo de notificacións diarias de 2023 (ademais das 479 rexistradas en agosto, mes inhábil con gardas) tivo lugar en febreiro, con 1.713, como consecuencia do impacto da folga de Letrados de Administración de Xustiza (LAJ), mentres que a cifra mínima de 2022 se rexistrara en decembro.

A folga de funcionarios de Xustiza iniciada o pasado 17 de abril non tivo impacto no número de notificacións diarias rexistradas nos órganos vigueses, que se mantiveron en cifras similares ás de 2022: 2.656 en abril (fronte a 2.467 no mesmo mes do ano pasado), 2.538 en maio (fronte a 2.531), 2.506 en xuño (fronte a 2.496) e 2.238 en xullo (fronte a 2.196).

Nos últimos 5 anos (2019-2023), os escritos xestionados polos procuradores de Vigo aumentaron un 9,2%, máis de sete puntos por riba das notificacións, que se incrementaron un 1,7%.

Un 23% máis de asuntos en trámite

A falta do peche de datos do Poder Xudicial de 2023, os asuntos en trámite incrementáronse un 23% nos xulgados vigueses no terceiro trimestre de 2023 en comparación co mesmo período do ano anterior, ata os 26.552 casos pendentes. Os últimos datos do informe A Xustiza en Galicia 2023 sitúan a Vigo como a cuarta cidade de Galicia onde máis medrou o atasco en cinco anos, un 33,5% entre 2017 e 2022, por riba do incremento medio da Comunidade (+30,8%).

O Colexio de Procuradores de Vigo monitoriza a diario o número de notificacións, escritos e quendas de oficio que deben levar a cabo as 137 procuradoras e procuradores colexiados na área xudicial de Vigo, que abarca as sedes de Vigo, Ponteareas, O Porriño, Redondela e Tui.

Fotografía: Punto GA – M. Riopa.