Neste momento estás a ver “Co axente executor, os tempos de  espera reducíronse de 5 anos a 2 meses”

“Co axente executor, os tempos de espera reducíronse de 5 anos a 2 meses”

  • Categoría da entrada:Novas

14.10.2019. Paulo Teixeira é vicepresidente da orde dos solicitadores e axentes de execución portugueses. No encontro atlántico dos solicitadores e procuradores, celebrado por primeira vez en Vigo, Teixeira explicou as claves da modificación lexislativa que fixo posible a creación da figura do axente executor en Portugal en 2003. “O cambio axilizou toda a acción executiva. Diminuíron drasticamente os asuntos pendentes e os tempos de espera pasaron de ser de 5 anos a 2 meses”, conta Teixeira.

 

PREGUNTA.  Cales son as función dun solicitador?

RESPOSTA. En Portugal conviven dúas profesións distintas: o procurador, o máis antigo, e o axente de execución creado en 2003. O solicitador, figura que vén do século XVI, é un mandatario xudicial que representa ao cidadán e que ao longo dos anos, foi adquirindo tamén certas competencias notariais.  Os axentes de execución, creados a partir do 2003, desenvolven as accións executivas.

 

P: Que cambiou tras a creación dos axentes de execución?

R: Antes toda acción executiva tiña que ser exercida por un xuíz e por un oficial do tribunal, agora todo é exercido por un axente de execución. Daquela solicitábase ao xuíz o embargo, el ordenábao e despois chegaba o cumprimento desa orde, que podía tardar meses. A veces cando se quería embargar, os bens xa desapareceran.

 

P: E agora?

R: A partir de 2003, case todos os embargos son decididos de acordo co xuíz pero é o propio axente de execución quen os ordena. Todas as notificacións, citacións e incluso a propia venda dos bens embargados dependen do axente executor baixo control xudicial.

 

P: Iso é mellor para o cidadán?

R: O cambio axilizou toda a acción executiva. Diminuíron drasticamente os asuntos pendentes, que é importante para o cidadán e para a empresas, e os tempos de espera pasaron de ser de 5 anos a 2 meses. Unha axilidade que aumentou a inversión, xa que da seguridade aos acredores de que recuperarán os seus bens rápido en caso dun embargo.

 

P: Que é preciso facer para ser axente executor ou solicitador?

R: Para ser axente de execución ou solicitador, é preciso ser licenciado en dereito ou solicitaduría. Para exercer, fai falta facer prácticas durante un ano e medio na orde de solicitadores e dos axentes de execución e colexiarse. Para colexiarse, existen números clausos, polo que só é posible acceder cando se abren prazas.

 

P: Como evolucionou a Xustiza coa creación do axente executor?

R: O número de asuntos pendentes diminuí en milleiros. Reduciuse o tempo de espera dos propios procedementos e todo facendo as mesmas cousas, sen prexudicar o dereito dos cidadáns, ou as garantías xudiciais do Estado. Sen ter ningún atropelo e sen tempos mortos.

 

P: A nivel profesional, como mudou a situación?

R: Os axentes de execución actuais, xa eran solicitadores. Dende entón, o número de profesionais aumentou, pero fundamentalmente o que conseguimos é que a xustiza funcione mellor en Portugal.

 

P: Que conclusións que saca da reunión de hoxe?

R: Estas reunións entre procuradores e solicitadores son moi positivas. As veces non sabemos resolver os problemas dun, se non entendemos o que pasa fóra. Os problemas que tiña Portugal ata o 2003 non son diferentes aos problemas que ten o estado español neste momento. O intercambio de experiencias entre solicitadores e procuradores é esencial para que os procuradores consigan explicarlle ao poder xudicial español e ao estado en xeral os incontables beneficios do cambio do sistema executivo en España.

 

P: Os procuradores españois teñen capacidade para asumir ese aumento de competencias?

R: É evidente que os procuradores son de lonxe os profesionais que máis preparados están para tomar o procedemento executivo en España, ao igual que o eran os solicitadores en 2003 en Portugal.

 

P: Que sería necesario para que España realice a modificación lexislativa?

R: Vontade política. A creación do procurador executivo só ten vantaxes e segue a estela do que se fixo en Portugal, Francia, Holanda e outros 80 países no mundo.