20.11.2023. Jonathan Pérez Guisande é o encargado do servizo de valixa que opera entre a sede principal do Colexio de Procuradores de Vigo e os partidos xudiciais. Máis alá de desempeñar un labor administrativo, do seu traballo destaca o trato de proximidade cos procuradores e o persoal dos colexios, a través de aportarlles aos profesionais unha función de grande utilidade. “Non se trata simplemente de xestionar as oficinas e apoiar os compañeiros de Vigo, senón tamén de facilitar o traballo dos procuradores, cousa que é moi agradecida. É o mellor do meu traballo, resúltame moi gratificante”, sinala Pérez.
En que consiste o servizo de valixa do Colexio?
En enviar documentos do Colexio e os colexiados entre a sede principal do Colexio, Vigo, e os partidos xudiciais, Ponteareas, O Porriño, Redondela e Tui. Desta maneira, coa valixa, o Colexio pode apoiar os colexiados na presentación de anexos ou a recollida de notificacións e demais documentos que necesiten enviar. É unha excelente e eficiente maneira de conectar as oficinas e axudar aos profesionais.
Como é un día normal de traballo para ti?
Entretido, xa que fago un percorrido polos tres partidos xudiciais nos que son responsable das oficinas colexiais, empezando ás 8 da mañá por Ponteareas, seguido do Porriño e finalizando en Tui ás 3 da tarde. En cada partido xudicial, paso por cada xulgado para recoller notificacións, xestionar recollida de expedientes e outros documentos, levando a cada decanato o listado dos anexos presentados e mesmo polo Rexistro Civil, se o require. Ademais, a miúdo teño que acudir aos rexistros da propiedade de Ponteareas e Tui. Isto fai que me pase o tempo voando.
Como describirías o teu traballo?
É un traballo administrativo que me permite estar en contacto tanto cos colexiados como cos avogados e o persoal do xulgado, xa que moitas xestións se realizan a través das oficinas das que son responsable. Pero tamén resolver ou axudar en momentos puntuais nos que os colexiados teñen unha complicación e me piden axuda. Por exemplo, acompañar un cliente cando, por forza maior, non puideron chegar, apoiar no escaneo e impresión de documentos ou resolver a complicación ou atrancos que pode ter un colexiado nun momento determinado.
Tes tempo para o trato humano cos compañeiros e compañeiras das sedes xudiciais?
O meu traballo, ademais do simple carácter administrativo, tamén conleva un trato próximo, persoal, cos colexiados. Non se trata simplemente de xestionar as oficinas e apoiar os compañeiros de Vigo, senón tamén de facilitar o traballo dos procuradores, cousa que é moi agradecida. É o mellor do meu traballo, resúltame moi gratificante.
Cantos documentos cres que se terán trasladado co servizo de valixa cando finalice este 2023?
Cada mes van en aumento, porque non se trata só de traslados, anexos e dilixencias, senón tamén da cumprimentación de mandamentos ao Rexistro da Propiedade, xestión de gravacións de vistas que solicitan os procuradores nos distintos partidos xudiciais nos que traballo (aínda que esta función non é propiamente da valixa, si se utiliza para a entrega dos dispositivos de almacenamento) e demais. Posiblemente, ao finalizar o 2023 chegue a superar os 1.500 documentos.
Fotografía: Punto GA-M.Riopa.