02.07.2025. O Colexio de Procuradores de Vigo celebrou o venres a súa festa colexial nunha velada que reuniu profesionais de Vigo, Galicia e outras partes de España. Non faltaron as condecoracións habituais a procuradoras de Vigo e a súa área polos 25 e 40 anos de traxectoria e, ademais, unha agarimosa distinción co nomeamento de tres decanos de honra: Manuel Castells, Jesús González-Puelles e Javier Soaje.
Nun encontro estival e animado entre compañeiros, o Colexio entregoulles as súas insignias ás procuradoras María José Argiz e Marta Robés polos seus cinco lustros de exercicio, e a María Jesús Valencia, Carmen Molist e María del Carmen López polas súas catro décadas de traxectoria profesional. “Este ano todas as homenaxeadas sodes mulleres, como reflexo do que é a nosa profesión: hoxe sodes unha gran maioría feminina, tanto no exercicio como á fronte dos decanatos”, destacou o decano, José Antonio Fandiño.

“Quero dedicarlle este recoñecemento aos compañeiros do Colexio que me axudaron ao longo destes 25 anos, tanto no persoal como no profesional”, sinalou Argiz.

“Hoxe máis que nunca estou orgullosa de ser procuradora, dunha profesión que funciona, que se adapta e que non se rende. Dedícollo ás miñas comadres, que son o motor do día a día nos xulgados, e aos momentos compartidos xuntas”, destacou Robés.

Decanos de honra
Un dos momentos máis emotivos foi o recoñecemento aos tres ex-decanos –Manuel Castells, Jesús González-Puelles e Javier Soaje– como decanos de honra, “polas súas cualidades profesionais, sociais e a súa contribución á defensa e desenvolvemento do Colexio de Procuradores de Vigo e a procura”, enxalzou Fandiño.
González-Puelles puxo en valor no seu discurso a aposta durante o seu tempo de profesión pola ambición en conseguir máis servizos para a xustiza viguesa. “Cando eramos máis novos, máis barbudos e con máis pelo diciamos: ‘Sexamos realistas, creamos no imposible’. En 1999 creouse unha sección da Audiencia Provincial en Vigo. Moi poucas cidades de España merecen máis que Vigo ter sedes desprazadas. Conseguímolo porque acreditamos na realidade: mereciámolo todo. Xuntos podemos, e tamén no momento que nos vai tocar vivir agora: xuntos podemos e debemos facelo”, concluíu Puelles.

Castells, pola súa parte, sen prescindir de símiles literarios, como a célebre viaxe a Ítaca, puxo o foco no camiño percorrido pola procura ao longo dos anos, “do papel cebola e o calco á nube, o Olimpo dos deuses”. “Lembrades a frase ‘seremos deuses’? Pois sómolo, 365 días e 24 horas diarias”, afirmou con humor. “Son vello, pero é vello o sol, é vello o mar que nos refresca no verán, iso que facemos en chamar vida e non sabemos que é, porque tememos que nola arrebaten. Agora atopo Ítaca en fermosas historias, en persoas, en libros e nalgún que outro temor”, reflexionou nun aplaudido discurso.

“Sede felices e loitadores”
O peche da noite foi a despedida de Fandiño, cuxo mandato como decano finaliza en 2026. Tivo palabras de agradecemento para os empregados do Colexio, a xunta de goberno e todas as compañeiras e compañeiros da procura. “Grazas e ata sempre, porque aquí estarei ata que me responda o corpo como compañeiro en todos os momentos e como soldado en todas as batallas. Sede felices e loitadores. Iso, que non nolo arrebaten nunca”, desexou José Antonio Fandiño.
A velada contou coa presenza de colexiadas e colexiados, boa parte do comité executivo do Consejo General de Procuradores de España –entre eles, o seu presidente, Ricardo Garrido– e decanas e decanos dos colexios de Madrid, Barcelona, Valencia, Ciudad Real, Zaragoza ou Cantabria.
Na imaxe principal, o decano, José Antonio Fandiño, cos decanos de honra do Colexio: Javier Soaje, Manuel Castells e Jesús González-Puelles. Foto: Punto GA-M.Riopa.