17.02.2026. 69 homenaxeantes, 69 anos, 43 de exercicio profesional, 12 anos de decano. Jesús González-Puelles Casal, un dos decanos máis lexendarios da procura, pendura a toga e pronunciou este venres o seu adeus a todos os compañeiros de viaxe na profesión e na xudicatura galega.
“Non era así cando empezamos en 1983, pero eu estou encantado coa Xustiza que hai agora en Vigo”, sinalou o ex-decano do Colexio da Procura de Vigo. “A xente hoxe está máis preto da Xustiza porque, en Vigo, a Xustiza está máis preto do cidadán. Pódese falar de todo, pódese estar con todos e é marabilloso poder falar con liberdade e con naturalidade”, explicou emocionado Jesús Puelles.
Ao acto de recoñecemento asistiron ducias de procuradoras e procuradores de todas as épocas, avogadas, xuíces, letrados da administración de xustiza (LAX) e outros compañeiros da xudicatura. Entre os que brindaron pola xubilación de Puelles estaban o presidente do Consejo General de Procuradores de España (CGPE), Ricardo Garrido; a decana do Colexio da Avogacía de Vigo e conselleira do Consejo de la Abogacía Española, Lourdes Carballo; o decano do Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela, Fernando González-Concheiro; o ex decano da procura de Lugo, Jacobo Varela; ou o ex decano de Vigo Manuel Castells.
O actual decano da procura de Vigo, José Antonio Fandiño, destacou o liderado discreto que sempre tivo Puelles e a súa defensa de Vigo cando en 1990 quedou relegada pola Ley de Planta y Demarcación Judicial.
Puelles: “Debemos facer medrar o Colexio de Vigo, sobre todo en unidade”
Puelles tivo unha emocionada intervención ante os seus compañeiros, que se viu na obriga de interrumpir en varias ocasións entre bágoas e ovacións dos asistentes. “A nova etapa do Colexio de Vigo está moi ben e é un colexio que temos que facer medrar, sobre todo en unidade… xa somos poucos como para estar divididos, que entón si que non faríamos nada”.
O ex decano de Vigo é licenciado en Dereito pola Universidad de Salamanca (1977-80) e exerce como procurador na cidade dende 1983. Foi elixido decano en 1990, ata 1998, e nun segundo mandato (2006-10), aínda que estivo ligado á xunta directiva noutras ocasións. González-Puelles foi impulsor e presidente da Asociación de Procuradores de Galicia (antes de que existira o Consello Galego dos Procuradores) e presidente da Mutualidad de Procuradores de España. “O que máis cambiou a Xustiza e a procura sodes as mulleres”, indicou Puelles, explicando que nos 80 só un 20% das profesionais xudiciais eran féminas, e hoxe unha maioría de mulleres no oficio das leis. “E creo que viñeron á Xustiza para mellorala, porque teñen outra visión e porque realmente creo que son mellores”, sinalou o homenaxeado.
Jesús González-Puelles agradeceu a todos os asistentes o agarimo co que sempre o trataron, comezando pola xunta de goberno da procura viguesa, como coa excelente relación co Colexio da Avogacía, os ex-decanos, xuíces… “Quérovos! E hoxe son moi feliz… quero agradecer ao señor Bolaños que conseguira xubilarme e que me convertera nun avó cebolika”, chanceou o ex-decano entre aplausos.
Fandiño: “Grazas Jesús, sempre serás o noso decano”
O decano do Colexio da Procura de Vigo, José Antonio Fandiño, abriu o acto de homenaxe a Puelles agradecendo o seu liderado discreto, a súa dedicación e a súa solidez profesional. “Grazas, Jesús, sempre serás o noso decano”, remarcou Fandiño.
O decano lembrou que el mesmo e Puelles case se iniciaron xuntos na carreira profesional en Vigo, que xuntos colaboraron en modernizar o colexio dende 1990. “A finais dos anos 80, aqueles inquedos mozos comezamos a darlle voltas a como podiamos cambiar a dinámica que tiña o Colexio, pois levaba moitos anos de inmobilismo. Tiñamos encontros case revolucionarios e clandestinos, pois non se vía ben que uns rapaces nos atrevésemos a mudar unha estrutura que levaba anos funcionando e que ninguén se atrevera a cuestionar”, lembrou Fandiño.
Foto: Punto GA | M. Riopa.
