19.10.2023. A maxistrada do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra e experta en violencia de xénero Belén Rubido de la Torre foi a encargada de inaugurar a primeira sesión do curso de violencia de xénero do Consello Galego dos Procuradores, onde salientou o importante papel que poden exercer os profesionais da procura ante as vítimas de violencia machista nos procesos penais.
Rubido puxo en valor a función de acompañamento que realizan os profesionais da procura nas citacións e nos procesos, unha función que describiu de máxima utilidade nos casos nos que as clientas son vítimas de violencia de xénero, e explicou en detalle cuestións vencelladas ás notificacións, a comparecencia das vítimas ou a asistencia xurídica.
A segunda sesión foi conducida por Eva María García, decana do Ilustre Colexio de Procuradores de Girona e presidenta da Comisión de Igualdade e Asistencia á Vítima do Delito do Consejo General de Procuradores España. García abordou en detalle a representación integral das vítimas de violencia de xénero dende o inicio do procedemento xudicial e en todos os asuntos con causa directa ou indirecta na violencia padecida.
O curso de violencia de xénero, organizado polo Consello Galego dos Procuradores en colaboración coa Xunta de Galicia, foi inaugurado polo presidente do Consello e decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, e o decano do Colexio de Procuradores de Pontevedra, Joaquín Gabriel Santos.
O curso continuará o 26 de outubro coa intervención do avogado da asociación Aliad Ultreia e membro da Rede Galega contra a Trata Sexual, Gerardo Pardo de Vera, e a directora do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (Cemvi), María Elena Molanes.