Neste momento estás a ver Vigo, primeiro colexio de España con nome inclusivo na procura

Vigo, primeiro colexio de España con nome inclusivo na procura

  • Categoría da entrada:Novas

18.12.2025. O Colexio da Procura de Vigo é o primeiro dos 67 colexios de España en aprobar unha nova denominación axeitada á linguaxe inclusiva (o antigo nome era Ilustre Colegio de Procuradores de Vigo). O nova imaxe do colexio foi refrendada onte na xunta xeral do Colexio por una ampla maioría. O proceso iniciouse hai mes e medio cunha votación aberta de todas as procuradoras e procuradores do partido xudicial, algo tamén inédito até o de agora en España.

Entre tres novas imaxes corporativas e denominacións oficiais seleccionadas por un comité de persoas expertas, o 63% da procura viguesa escolleu a nova denominación (Colexio da Procura de Vigo) e o novo logotipo (mantén as cores, a balanza e a coroa do logo orixinal, introducindo un deseño máis moderno e acorde cos tempos e a cor azul e verde corporativa da páxina web).

Na votación quedou en segundo lugar, cun 23% dos votos,  unha versión en tons vermellos tamén co nome Colexio da Procura de Vigo. A terceira opción, unha versión moderna que simboliza a X da Xustiza conformada por dúas V de Vigo, co nome Colexio da Procura da Xustiza de Vigo, obtivo o 14% dos votos.

De esquerda a dereita, logotipos escollidos en terceiro e segundo lugar no referendo telemático celebrado en novembro.

Na actualidade, sete de cada dez profesionais da procura viguesa son mulleres, una proporción semellante á do resto de España.

O antigo logotipo do colexio levaba 75 anos sen cambios e cun deseño de difícil adaptación ás novas canles e formatos de difusión. 

“Os colexios deben avanzar cos tempos, e o Colexio da Procura de Vigo merece unha imaxe acorde co que somos: actuais e coa igualdade como piar fundamental, como é de xustiza”, sinala o decano, José Antonio Fandiño.

O Colexio da Procura de Vigo está integrado por 127 profesionais exercentes. A súa xunta de goberno conta con 11 persoas, das que 9 son procuradoras.