Neste momento estás a ver 82% de mulleres na nova xunta directiva do Colexio de Procuradores
VIGO, 310322. ASAMBLEA ELECCION NUEVA JUNTA DIRECTIVA COLEGIO PROCURADORES DE VIGO.

82% de mulleres na nova xunta directiva do Colexio de Procuradores

  • Categoría da entrada:Novas

De esquerda a dereita: Gisela Álvarez, José Antonio Fandiño, Cristina del Río, Rosa Marquina,  María Crende, Elena Juliani, Andrea Estévez, José Ramón Curbera, Carmen Hermida, Paula Llordén y  Vanesa Núñez.                                                                                                                                                                                                    FOTO: Punto GA | M. Riopa

 

01/04/2022.O Colexio de Procuradores de Vigo conta cunha nova xunta directiva formada nun 82% por mulleres, 9 dos seus 11 membros. Así o proclamou onte pola tarde nunha Asemblea Xeral Extraordinaria ao tratarse da única lista presentada. José Antonio Fandiño volveu ser elixido decano dos procuradores de Vigo por un mandato de catro anos, xunto a Gisela Álvarez como vicedecana.

Ademais deles, a maioría dos membros da nova directiva repiten mandato: José Ramón Curbera como secretario; Carmen Hermida, vicesecretaria; Cristina del Río, tesoureira; Paula Llordén, vicetesoureira; e Rosa Marquina e María Crende como vocais primeira e segunda, respectivamente. E tres novas procuradoras incorpóranse ao órgano de goberno: Elena Juliani, Vanesa Núñez e Andrea Estévez.

A nova xunta directiva traballará para mellorar a situación dos propios procuradores, pero tamén a da Administración de Xustiza e a súa relación cos usuarios.

“Os procuradores, como representantes dos cidadáns ante a Xustiza, contribúen a facer máis rápidos e sinxelos os procesos, tanto para a Administración como para a cidadanía; polo tanto, seguiremos apostando pola creación da figura do procurador executivo”, sinala José Antonio Fandiño. Ao que Gisela Álvarez engade: “Pero de nada serve dignificar a nosa profesión se empeora a situación dos que a exercemos, polo que tamén seguiremos impulsando a formación e a colaboración dentro do Colexio, do mesmo xeito que poñemos en marcha servizos e protocolos que faciliten o día a día dos procuradores e garanten os nosos dereitos como persoas, como a desconexión e a substitución”.

A curto prazo, outro dos retos aos que se enfronta a nova xunta directiva é o traslado á nova Cidade da Xustiza.

O Colexio de Procuradores de Vigo está integrado por 147 profesionais do partido xudicial de Vigo (xulgados de Vigo, O Porriño, Ponteareas, Redondela e Tui).