Neste momento estás a ver A Lei de Eficiencia provoca un novo récord da procura en 2025

A Lei de Eficiencia provoca un novo récord da procura en 2025

  • Categoría da entrada:Novas

20.03.2026. As 127 procuradoras e procuradores que operan na área do Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui e Vigo elaboraron en 2025 un total de 120.936 escritos, un 2,3% máis que o ano anterior e un 39,8% que en 2020, o ano da pandemia. As notificacións medraron un 9%, tamén máximo histórico de traballo da procura viguesa.

Os maiores incrementos, tanto de escritos como de notificacións, foron xestionados nos primeiros meses do ano, xusto antes da entrada en vigor o 1 de abril da Lei de Eficiencia e a introdución da mediación obrigatoria antes dos litixios.

O Colexio da Procura considera que os fortes incrementos responden a unha aceleración na presentación dos procesos para evitar a obrigatoriedade da mediación, así como prever posibles retrasos na implantación da nova organización xudicial que emana da Lei de Eficiencia.

No 2025, cada profesional da procura de Vigo elaborou e xestionou unha media de case 1.000 escritos, un 20% máis que na media dos últimos anos.

Ao longo do ano incrementáronse tamén as notificacións até a súa cifra máxima, un total de 665.947, o que supón un 9% máis que en 2024 e un 51,6% máis con respecto a 2020. En conxunto, os datos indican que, por termo medio, cada profesional da procura viguesa xestionou máis de 7.000 escritos e notificacións durante o exercicio, uns 32 casos por día.

“Os datos da procura viguesa son a mostra do fundamental que é a profesión para que a Xustiza funcione o máis axilmente posible. Con máis competencias, poderíamos contribuír aínda máis ao bo funcionamento dos xulgados, nun momento de atasco crónico en Vigo, en Galicia e no conxunto de España”, sinala o decano do Colexio, José Antonio Fandiño.

Cruz de San Raimundo de Peñafort

O decano do Colexio da Procura de Vigo vén de ser distinguido coa Cruz Distinguida de 1ª Clase de San Raimundo de Peñafort, a distinción máis prestixiosa do eido xudicial que concede o Ministerio de la Presidencia, Justicia y Relaciones con las Cortes, pola man do ministro Félix Bolaños.

José Antonio Fandiño (Vigo, 1959), procurador vigués con catro décadas de traxectoria, é decano do Colexio da Procura de Vigo dende 2018. Baixo o seu mandato, o Colexio traballa arreo en pos da formación, o rexeitamento do novo sistema de aranceis e a reivindicación de máis competencias para a procura, ademais de pasar a ser o primeiro colexio da procura de España con nome inclusivo. Dende 2024 é decano adxunto á presidencia do Consejo General de Procuradores de España.