Fonte: Consejo General del Poder Judicial
18.11.2022. As denuncias por violencia de xénero en Galicia aumentaron un 49% nos últimos 10 anos, pasando de 2.352 no primeiro semestre de 2012 a 3.508 no mesmo período de 2022, récord da última década. No primeiro semestre de 2022 tramitáronse en Vigo 470 denuncias por violencia de xénero, o 13% do total de denuncias en Galicia, despois de crecer un 17,5% con respecto ao primeiro semestre de 2021.
En Vigo tamén se incrementou o número de denuncias con respecto ao período precovid, aínda que o maior número rexistrouse no primeiro semestre de 2017 (641 denuncias, o 19% do total de Galicia).
O número de denuncias por violencia de xénero en Galicia no primeiro semestre de 2022 é o máis alto da década, superando os niveis previos á pandemia de 2019 e 2017, que, con 3.343 e 3.354 respectivamente, batían xa un récord de casos declarados. O confinamento reduciu as denuncias en 2020, que aumentaron de novo unha vez que pasaron as restricións da pandemia.
En Galicia, o 5,3% das vítimas recóllese ao seu dereito a non declarar, mentres que en Vigo só o fai o 3,2% das denunciantes. Para axudar ás mulleres que denuncian, o Colexiode Procuradores de Vigo reforza cada ano a formación dos seus membros en materia de violencia machista. A superación destes cursos é obrigatoria para participar nas quendas de oficio das salas de violencia de xénero. O 90% dos procuradores de Vigo participou neles nos últimos tres anos.
Os procuradores vigueses tamén dispoñen dunha guía de boas prácticas, elaborada polo Colexio en 2020. A guía complementa a formación dos profesionais á hora de asistir ás vítimas durante o proceso xudicial. Os procuradores vigueses forman parte desde 2018 do protocolo da Oficina da Vítima en Vigo, que permite contar dende o primeiro momento cun procurador sen custo para a denunciante. A presenza dun procurador reduce as comparecencias das vítimas ante os xulgados ás estritamente necesarias e permite axilizar os trámites previos.