Neste momento estás a ver Mónica Vidal: “O procurador é o que axiliza os procedementos”

Mónica Vidal: “O procurador é o que axiliza os procedementos”

  • Categoría da entrada:Novas

19.12.2024. A Mónica Vidal (Vigo, 1971) dedicarse á procura chegoulle de forma natural, aínda que non premeditada. Decatouse axiña de que a profesión lle permitía estar “máis ao pé do xulgado” e que lle daba “certa independencia”. Agora, cumpridos 25 anos de profesión, sabe que a súa figura é “fundamental” para dinamizar a actividade xudicial. Considera que a clave para a procura é darlle “máis visibilidade” e gañar competencias en execución, mediación e arbitraxe. “A colaboración que temos cos avogados e coa Administración de Xustiza contribúe a que todo vaia máis rápido. De feito, o procurador é o que axiliza os procedementos”, sinala Vidal.

Sempre quixeches ser procuradora?

Foi algo que foi vindo. Empecei na Escola de Práctica Xurídica, pero fixen só un ano porque o segundo eran prácticas nun despacho de avogacía e eu decidira decantarme pola representación procesal. Estiven na Escola e traballando á vez nun despacho cunha avogada, facendo algunha demanda que outra. A min o Dereito gústame moito, pero vin a posibilidade de ter clientes avogados e de comezar con algo de traballo. Tamén me decidín por estar unida ao exercicio do Dereito dunha maneira máis dinámica, porque o procurador está máis ao pé do xulgado, non só no seu despacho.

Como lle explicas á xente a que te dedicas?

É verdade que hai que explicalo. Ás veces, ata lles pido aos avogados que lles expliquen aos clientes o que fai un procurador, porque eles son o primeiro contacto que teñen as persoas antes de viren ao xulgado. Eu sempre digo que somos o nexo entre o xulgado e o particular. Recibimos todas as notificacións, facemos os escritos de xestión e a colaboración que temos cos avogados e coa Administración de Xustiza contribúe a que todo vaia máis rápido. De feito, o procurador é o que axiliza os procedementos, porque imaxina que o xustizable ou a persoa demandante ou demandada tivera que ir ao xulgado a todo, durante o proceso, recoller notificacións cos seus prazos, etc.: iso non se movería. Estamos máis presentes en lanzamentos e en execucións, facemos presentación en Lexnet, ordenamos a demanda, presentámola e estamos pendentes dos prazos e de todo o proceso para levalo a cabo o máis pronto posible. O procurador, ademais, é un experto en todo o proceso, coñece todos os prazos en dereito procesal e non perde nada, polo que a nosa figura é fundamental.

Que é o que máis che gusta de ser procuradora?

Gústame o meu traballo porque, en certa medida, dentro de todo o que obrigatoriamente hai que facer, teño independencia. Podes xestionar as presentacións cando mellor poidas, dentro do día. E logo está toda a xestión que podemos facer cos clientes, tamén con certa independencia. Agora, coa vía telemática, podes estar noutro lugar e presentar. Podes ser un pouco a túa propia xefa, e a min sempre me gustou a independencia.

Que significan para ti 25 anos de profesión?

Gañei bastante en experiencia, e non é un dicir. Ter feito moitos cursos permitiume medrar, e hoxe teño un grao de experiencia que me permite ter maior seguridade. Tamén teño independencia económica (ri) e, sobre todo, teño máis claras as cousas. Agora, cando vén algo novo, collémolo rápida e facilmente, mentres que cando estás comezando todo son dúbidas. E, a pesar diso, dubídase, porque quen pensa dubida. Se boto a ollada cara atrás, decátome do percorrido e da clientela que fun gañando, aínda que houbo uns anos mellores ca outros, claro.

Como podería mellorar a profesión e que máis xente se decante por ela?

Creo que se pode facer dando visibilidade á nosa profesión. Estamos traballando no día a día, ao pé do canón, e temos que facernos ver máis. O Colexio de Procuradores de Vigo fixo un esforzo para darnos máis a coñecer, explicando ben as nosas funcións, algo que considero moi importante, e agardo que ese esforzo continúe porque é moi necesario. Agora estou impartindo un módulo no Máster de Abogacía e Procuraduría da Universidade de Vigo, e unha das cousas que lles explico ao alumnado son todas as funcións do procurador e o importante que é a súa figura. O mensaxe vai calando: porque eles fan Dereito, como o facía eu, e, ao explicarlles o que fago cada día e exporlles casos prácticos, lles chega. De feito, un alumno que tiven en prácticas díxome que ía optar para ser procurador.

Que sensacións tes como docente do máster?

Estou moi satisfeita. Tes que chegar ás alumnas e alumnos e explicarlles ben as cousas con casos prácticos, transmitirlles como funcionan os poderes… Todas esas cousas que facemos no día a día e que non saben, pero prestan moita atención. Eu dígolles que tanto os que queiran ser procuradores como os que queiran ser avogados teñen que coñecer a figura do procurador. Ao final, van ter que chamar a algún e establecer con nós unha relación de confianza, sabendo en profundidade o que nos poden pedir.

Cres que as procuradoras e procuradores poderían ter máis competencias?

Creo que si. Unha das reivindicacións que comparto con algúns procuradores que levan máis anos na profesión é a función de execución, coa que poderiamos ter algo máis de marxe, ao darnos maiores competencias. Sería cuestión de facer un estudo, pero está claro que, se es o executante, convenche que todo vaia máis rápido. Creo que sería bo que nos deran máis competencias en execución, e tamén nas mediacións e arbitraxes. Nestes dous últimos casos, é certo que hai avogados que o fan, pero, ao final, os procuradores somos licenciados en Dereito e coñecemos o día a día do xulgado, falamos cos clientes antes dun xuízo, cando se están reunindo os avogados, e creo que a mediación tamén se podería contemplar. Imaxino que todo terá que ir pouco a pouco, e, de feito, o Consejo General de Procuradores de España tamén se manifestou a favor da mediación.

 

Na imaxe, Mónica Vidal, homenaxeada esta primavera polos seus 25 anos de profesión na cea do Colexio de Procuradores de Vigo. Fotografía: Punto GA-M.Riopa.