Neste momento estás a ver Os procuradores celebran a Asemblea Xeral do ano da reactivación
VIGO, 131221. JUNTA GENERAL ANUAL COLEGIO DE PROCURADORES.

Os procuradores celebran a Asemblea Xeral do ano da reactivación

  • Categoría da entrada:Novas

José Manuel Cortegoso recibe a insignia do Colexio de Procuradores.  Foto: PuntoGA/M Riopa

 

14/12/2021. O Colexio de Procuradores de Vigo celebrou onte a súa Asemblea Xeral, na que aprobou o orzamento da actividade do Colexio en 2022. Durante o encontro destacouse a figura de José Manuel Cortegoso, que recibiu a insignia do Colexio polos seus máis de 30 anos como interventor dos procuradores  vigueses con motivo da súa xubilación.

No seu informe, o decano do Colexio de Procuradores, José Antonio Fandiño, definiu o 2021 como un ano atípico de reactivación con fitos importantes como o dereito á desconexión dixital. “Grazas ás reivindicacións impulsadas por varios colexios de España, como o de Vigo, e a activa posición do Consejo General de los Procuradores de España (CGPE) xunto co da Avogacía, conseguimos o compromiso do dereito á desconexión dixital por parte do Ministerio de Xustiza. Na práctica, trátase da interrupción de prazos e atraso de prazos, e da suspensión do servizo de reenvío de notificacións durante tres días hábiles cando existan causas obxectivas de forza maior”, destacou o decano.

Antes diso, puxérase en marcha un protocolo de substitución pioneiro para que os procuradores puidesen designar dous compañeiros para asumir o relevo das súas obrigas ante o xulgado tamén nos casos de forza maior, como o falecemento dun familiar ou enfermidade grave.

Lei de acceso á profesión

Outro dos grandes retos aos que se enfrontou a procura en 2021 é a lei que unifica o acceso ás profesións de avogado e procurador. Para o decano supón “un golpe mortal que desvalorizará o exercicio da profesión ata converternos en puros transmisores de resolucións e presentación de escritos, sen outorgar ningún valor engadido”.

Fandiño avanzou que dende a Concellería de Xustiza van aumentar o orzamento do turno de oficio. Conseguiuse que a administración recoñeza que os avogados levan asuntos que non poden recoller, polo que destinarán unha partida para cubrilos, como noutras comunidades.

Durante a reunión, o decano informou dos plans de traslado á Cidade da Xustiza, previsto para o primeiro trimestre de 2022. Nos primeiros meses do ano os xulgados trasladaranse de xeito paulatino, a razón de dous por semana, co que durante ese período convivirán as dúas sedes xudiciais.

Dentro das propostas dos profesionais durante o encontro, instouse a que o CGPE ofreza formación gratuíta aos procuradores sobre temas de futuro. O decano pediu aos colexiados que propoñan que tipo de cursos lles gustaría recibir para trasladalo ao CGPE.