15.12.2025. Á procuradora María Piñeiro (A Coruña, residente en Vigo dende 2012) ilumínaselle a cara cando vai ao xulgado. Este ano foi a primeira en descubrir a decoración de Nadal do Colexio de Procuradores de Vigo, a cargo, como sempre, de Lucía Ferreira. “Os procuradores levamos asuntos que moitas veces teñen que ver con temas durísimos. Por iso é fundamental chegar ao xulgado cun sorriso, e o Colexio esfórzase cada día en que iso sexa así”, asegura, facendo referencia ás iniciativas como a decoración ou o pincho de Nadal. Alegre e positiva, só ten boas palabras para os seus compañeiros, dende os seus inicios, e cre firmemente no futuro da profesión polo necesaria que é. “Non sei como marcharían os pleitos se non estivésemos”, valora Piñeiro.
Que te animou a ser procuradora?
Aínda que son da Coruña, cando rematei Dereito estiven facendo prácticas nun despacho de avogados aquí, en Vigo, durante case dous anos. Alí coincidín con dous procuradores que hoxe son compañeiros, Carmen Vázquez Cueto e Manuel Lamoso, e a través deles coñecín a profesión. Despois empecei a traballar nunha xestoría privada, e aí estiven durante case 10 anos. Cando veu a crise fun ao paro, e ante a necesidade de volver á vida activa lembrei o moito que me gustara o que facían aqueles procuradores. Aí tiven claro que prefería exercer como procuradora. Tiven a sorte de comezar as prácticas con José Ramón Curbera, con quen sigo a día de hoxe, que foi o meu mestre, o meu compañeiro e que é un gran profesional e, sobre todo, unha gran persoa.
Como foi seguir traballando con Curbera, con quen comezaches nas prácticas?
A verdade é que conxeniamos fenomenal. Cando un procurador está só é duro, por exemplo, se te pos enfermo ou precisas unha substitución, e a verdade é que nos apoiamos moitísimo o un no outro: substituímonos nos pleitos, repartíndonos nos diferentes partidos xudiciais segundo a carga de traballo que teña cada un.
Que é o que máis destacarías do labor de procuradora?
É unha profesión moi dinámica que te obriga a estar continuamente activa, pendente dos prazos, moi rápida mentalmente, a facer seguimentos dos pleitos, estar en contacto continuado con xulgados, funcionarios e, en xeral, coa xente, e iso a min encántame. Sempre estamos tratando de que todo marche. Vexo a procura como unha profesión positiva, dentro do que é resolver pleitos e conflitos. Nese sentido, estamos para arranxar problemas.
Tiveches que explicar moitas veces en que consiste o teu traballo?
Si. A figura do procurador non é tan coñecida como a do letrado, porque nós traballamos sempre nos xulgados, mentres que hai letrados traballando fóra dos tribunais, por exemplo, na empresa privada. En ocasións é difícil explicar cal é o noso labor, porén, penso que cando as personas entran en contacto con xulgados e tribunais e teñen que contratar profesionais como o letrado e o procurador, aí xa non fai falta. Fóra é máis difícil. Pero, grazas a que estamos nos xulgados, o particular non ten que acudir. Somos a súa representación, por así dicilo.
Cres que a profesión ten futuro? Que tería que pasar para darlle continuidade á vosa figura?
Creo que terían que darnos máis funcións. Cando comezamos, sempre che din que os procuradores van desaparecer. Eu, sinceramente, penso que si que temos futuro. Somos moi necesarios para a boa marcha dos xulgados e o impulso, sobre todo, dos asuntos e os pleitos. Non sei como marcharían se non estivésemos. Sempre estamos co empeño de axilizar a xustiza e de que non pare, que non estean os asuntos anos e anos sen moverse. Obviamente, tenemos que adaptarnos a moitas cousas, como as novas tecnoloxías ou as reformas que veñen, pero coido que o estamos a facer a través de cursos. Somos uns profesionais que intentan estar sempre ao día.
Fuches a primeira visitante do Colexio coa nova decoración de Nadal. Que che parece e como afrontas estas datas?
Si, é marabilloso o traballo de Lucía! Os procuradores levamos asuntos que moitas veces teñen que ver con temas durísimos. Por iso é fundamental chegar ao xulgado cun sorriso, e o Colexio esfórzase cada día en que iso sexa así. Son un equipazo. Xeran moi bo ambiente coa decoración, a lotaría, o pincho de Nadal… É marabilloso e crucial para que esteamos unidos e a xente vaia contenta traballar, xa que, ademais, hai algunha que está soa no despacho. Sempre hai bo rollo no Colexio e eu vou encantada ao xulgado.
Un desexo profesional para 2026?
Que poidamos afrontar as reformas sen moitas dificultades e que se nos dea máis valor como profesionais para axilizar os trámites e para mellorar a comunicación cos xulgados e os tribunais. É importantísimo que nos dean funcións, pero as que xa facemos tamén son importantísimas. Moi feliz ano 2026, e que o procuremos ben!
