Neste momento estás a ver Marta Robés: “Soubemos adaptarnos sen perder a esencia da procura”

Marta Robés: “Soubemos adaptarnos sen perder a esencia da procura”

  • Categoría da entrada:Novas

23.12.2025. Despois de 25 anos como procuradora, Marta Robés (Vigo, 1974) ve na profesión un piar fundamental para a Xustiza, malia os cambios especialmente tecnolóxicos e o descoñecemento que aínda existe sobre a procura. “Creo que soubemos adaptarnos sen perder a esencia da profesión. Agora todo é telemático. Nun principio viámolo súper raro, coa incerteza de que ía pasar, pero coido que foi un grande avance”, valora Robés. Mirando cara ao futuro, confía na tradición e na xente. “Probablemente, a profesión non iría cara adiante por inercia pura, pero aquí estamos nós para que continúe”, sinala optimista.

Por que decidiches ser procuradora?

Ao rematar a carreira tiña claro que quería traballar canto antes e ser independente por min mesma. Nese momento decidín estudar oposicións, pero axiña vin que non era o meu e decidín colexiarme como procuradora. A verdade é que o fixen con ilusión e con ganas porque estudara Dereito. A procura gustoume dende o principio porque é un traballo moi dinámico, moi áxil. Co tempo confirmei que tomei unha boa decisión.

Que é o que máis destacarías do labor de procuradora?

O trato próximo coa xente. Nesta profesión teste que relacionar moito con moita xente e ter bastante man esquerda. Relaciónaste cos clientes, cos funcionarios, cos avbogados, e a cada un hai que saber darlle o que demanda: aos avogados, eficacia e rapidez; aos clientes, confianza e tranquilidade, xa que moitas veces veñen ao xulgado un pouco perdidos, sendo un sitio descoñecido para eles; e cos funcionarios penso que hai que ter unha relación cordial. Creo que a día de hoxe teño esa relación con todos e hai axuda mutua. Penso que ese é o puzle de ser procurador. Ademais, por suposto, do traballo puro e duro, que é notificar prazos, xuízos, elaborar escritos e todo o demais.

Como reacciona a xente cando dis que es procuradora?

A maioría, nun principio, poñen cara de interrogante, como dicindo ‘Que é iso? Pregunto ou non pregunto?’. E ao final preguntan, ti explícasllo e máis ou menos entenden. Creo que cando teñen un procedemento no xulgado e es o procurador desa persoa entenden verdadeiramente o labor que facemos e a importancia que ten, ao axilizar os pleitos e interesarnos por eles. Como agora é moi fácil preguntar polo asunto por WhatsApp, recibimos moito ‘¿Como vai o meu? ¿Sabes algo?’, aínda que xa lles dixeras hai tempo que o asunto tarda 1 ano, que está na Audiencia… Pero ben, é o traballo, contestarlles e deixalos tranquilos.

Como resumirías estes 25 anos e como ves a evolución da profesión?

Foron 25 anos moi bos. É unha profesión que evoluciona no día a día. Sobre todo, temos avanzado bastante coa dixitalización, que é cara onde vai o mundo actual. Creo que soubemos adaptarnos sen perder a esencia da profesión da procura. Antes era imprescindible ir ao xulgado recoller notificacións, presentar escritos e demandas, e agora todo é telemático. Nun principio viámolo súper raro, coa incerteza de que ía a pasar, pero coido que foi un grande avance. Cando empecei, no 2000, xa había rumores de que a profesión ía desaparecer, e aquí estamos, loitando, cara diante e o que nos quede porque, ao final, temos un papel fundamental na organización da Xustiza. E o que máis destacaría do colexio de Vigo é a relación cos compañeiros, que é moi boa, sempre hai bo talante e unha boa frase e, por suposto, que nos axudamos entre todos, porque todos nos coñecemos e iso está súper ben. A verdade é que facilita moito o día a día no traballo.

A profesión ten futuro?

Eu creo que é unha profesión con moita tradición e que está moi aferrada ao mundo xurídico. O máis importante somos os que o formamos, que temos ganas de que siga sendo así. No futuro, sempre que nos deixen, imos seguir facendo o noso traballo. Ogallá nos dean máis competencias, como as que estamos sempre solicitando. Probablemente, a profesión non iría cara adiante por inercia pura, pero aquí estamos nós para que continúe.

Unha mensaxe ou desexo para 2026?

Que para 2026 quede todo como está e poidamos seguir facendo o noso traballo. No plano persoal, que veña un ano como este ou mellor. Haberá que pedirllo aos Reis Magos, que son os que son máxicos.

Foto: Punto GA-M.Riopa.