Neste momento estás a ver Os procuradores de Vigo rexeitan o Real Decreto de aranceis e valoran solicitar a dimisión da executiva da CGPE
VIGO, 120522. JUNTA EXTRAORDINARIA COLEGIO PROFESIONAL PROCURADORES VIGO.

Os procuradores de Vigo rexeitan o Real Decreto de aranceis e valoran solicitar a dimisión da executiva da CGPE

  • Categoría da entrada:Novas

20.05.2022 Os procuradores de Vigo mostraron o seu total rexeitamento ao Real Decreto (RD) de aranceis aprobado polo Goberno a instancias do Ministerio de Xustiza e valoran o envío dun centenar de cartas  solicitando a dimisión da executiva do Consejo General de los Procuradores España (CGPE) por non ter podido evitar a drástica redución dos seus honorarios profesionais que establece a nova norma.

O Colexio de Procuradores de Vigo aprobou nunha sesión extraordinaria a posibilidade de recorrer o Real Decreto e asinar masivamente cartas solicitando a dimisión do actual presidente e da executiva do CGPE. O decano dos procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, tamén solicitou a visita urxente do presidente da CGPE a Vigo para tratar de evitar a perda do poder adquisitivo dos procuradores.

O Colexio de Procuradores de Vigo tamén estuda sumarse a outros colexios para presentar un recurso contra o Real Decreto.

Previamente, o decano dos procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, xa trasladara ao presidente do CGPE a súa decepción por como conduciran a oposición ao Real Decreto. “Pero agora que está aprobado só nos queda reaccionar, polo que antes de que o Colexio de Vigo valore outras actuacións queremos que o CGPE nos explique, de primeira man, o que se vai acometer para facer fronte a este atropelo”, resume o decano de Vigo.

A nova norma establece límites máximos nas tarifas nas que se basean os honorarios profesionais dos procuradores e non permite fixar un límite mínimo. Estas taxas están conxeladas desde 2003 e non se actualizan, mentres que a inflación subiu un 44,5%, polo que consideran inasumible introducir agora modificacións á baixa sen aplicar antes, cando menos, unha actualización en función do IPC oficial.

Os procuradores consideran que esta nova lei pon en dúbida a garantía da prestación dos seus servizos cunha calidade mínima e a cobertura dos seus gastos de funcionamento. Para José Antonio Fandiño, “supón un desprezo absoluto á actividade dos procuradores e condéanos a cobrar polos nosos servizos unhas cifras non axeitadas á realidade, nin ao seu contido e menos aínda aos seus custos”

O Colexio de Procuradores de Vigo está formado por 149 profesionais que traballan nos xulgados do Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui e Vigo.